Lume, poesía e contos de medo que deixan durmir na IX Fogueira dos Versos

A noite do 23 de xuño a asociación Espazo Lectura celebrará, un ano máis, un san Xoán alternativo coa IX Fogueira dos Versos: unha festa na que se combina a celebración popular desta data (con comida e cacharela), co recitado de poemas a carón do lume e cun espectáculo que este ano correrá a cargo de Felipe Díaz “Caxoto”, que contará uns “Contos de medo que deixan durmir”; xa que logo, unha actuación para todos os públicos.

A Fogueira dos Versos celébrase na Casa da Lectura (Donas) a partir das 21:00 horas. As persoas que se animen a participar poden contribuír á festa traendo das súas casas algo de comida. Aquí poden verse algunhas imaxes da edición do ano pasado.

Coa Fogueira dos Versos Espazo Lectura cerra outra tempada centrada no fomento do libro e a lectura en Gondomar. Durante este período, grazas ao traballo voluntario e desinteresado dos membros da asociación, conseguiu ofrecer de maneira aberta e gratuíta más de 100 actividades dirixidas a persoas de todas as idades.

Todas as actividades de Espazo Lectura retomaranse tras o verán.