María Lado, este mércores na Casa da Lectura

Este mércores, 10 de xuño, ás 18:30 horas, a Casa da Lectura acollerá a primeira das sesións especiais dentro da súa programación de animación e fomento da lectura. Trátase dunha sesión de contacontos que estará a cargo da poeta e presentadora de TV María Lado, quen se caracteriza por elevar as súas propostas creativas á categoría de espectáculo.

María Lado conduciu como presentadora e narradora o programa da TVG Planeta Fantasía, de Lúa Films, baseado en contos da literatura infantil galega, e o mércores porá á disposición das nenas e nenos de Gondomar toda a súa capacidade para contar historias diante do público.



María Lado
(Cee, 1979) é escritora, autora de varios libros de poemas, actriz, contacontos, presentadora de televión e, en xeral, unha creadora e artista de vocación multidisciplinar. Licenciada en Filoloxía Galega e Técnica de Produción de Radio, Televisión e Espectáculos, a súa creatividade ponse de manifesto enriba dos escenarios a través de recitais poéticos e espectáculos multimedia de diversa índole. Como poeta é autora de libros como A primeira visión (Letras de Cal, 1997), casa atlántica casa cabaret (Xerais, 2002) e Berlín, editado polo Concello de Santiago e tamén en formato audio-libro na web por A Regueifa Plataforma (2007). Tamén gañou o Premio de Poesía Avelina Valladares con Nove. A busca de novas linguaxes para a creación poética levouna a realizar videocreacións como Sombra06, Café ou Estremas. Tamén é autora, xunto coa artista Julia Montilla, da radionovela Novembro, emitida na Radio Galega en novembro de 2005. Xunto coa poeta Lucía Aldao presenta o espectáculo Onde estea un cubata que se quite un soneto, lema baixo o que achegan ao público unha peculiar posta en escena do recital poético, acompañadas da videocreación en directo de Mig Seoane. O seu interese polas artes escénicas levárona hai tempo ao teatro universitario, onde se formou durante máis de cinco anos en grupos como Eis Teatro ou a Aula de Teatro da USC. Na actualidade continúa traballando como atriz para a compañía profesional Volta e Dálle.