«Mis héroes siempre han sido yonkis», no Lecturas Debuxadas de decembro

O cómic “Mis héroes siempre han sido yonkis”, da parella creativa Ed Brubaker / Sean Phillips, é a proposta de decembro para o Club Lecturas Debuxadas. Unha trama recoñecible dentro das obras dos autores, de personaxes sempre á marxe da lei e con situacións que só se complican máis e máis. A actividade é o martes 10 de decembro, ás 20:00 horas na Casa da Lectura.

Na sesión de novembro comentamos «Canción para afundir flores no mar», unha BD escrita e debuxada por Oliver Añón, que gañou o premio Castelao do ano 2018.

Nunha obra cunha forte intención poética e de transmitir momentos e sensacións, o tempo avanza lento ao longo das súas seis partes, mesturando contos e momentos de contido máis autobiográfico. Constrúe Oliver unha BD orixinal e sorprendente, apoiándose alternativamente máis no texto ou nas imaxes. Un debuxo limpo e claro en branco e negro, unha montaxe de páxina sempre cambiante, un ritmo narrativo pausado e por veces sorprendente, completan unha obra que non deixa indiferente. Cómpre destacar tamén a bonita edición, cun papel mate no que gañan profundidade os negros e fai que visualmente sexa un auténtico desfrute.

Estas son algunhas imaxes desa sesión:

Club Lecturas Debuxadas 19/11/2019