«Morgana en Esmelle», de Begoña Caamaño, no Sete Vidas de marzo

Este martes, 3 de marzo, falaremos na sesión do Sete Vidas de Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, novela que recibiu diversos premios: o Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria en 2013.
O día 2 de marzo de 2010 xa estivera Begoña con nós no Sete Vidas para falar de Circe ou o pracer do azul, novela na que daba voz ás voces silenciadas das mulleres protagonistas desa historia, Penélope e Circe, rescatadas da mitoloxía do mundo mediterráneo da Odisea. Neste caso, en Morgana en Esmelle, as protagonistas son as mulleres e os homes do ciclo da Materia de Bretaña, do noso ámbito atlántico, máis próximo e menos coñecido: Morgana, Viviana, Xenebra, Merlín, Artur… Pero Begoña Caamaño non só reescribe o mito cunha ollada contemporánea e volve dar protagonismo ás mulleres secundarias na tradición literaria patriarcal, senón que tamén fai unha reflexión ao redor da responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos, sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos.
Moito máis, sen dúbida, que unha relectura da mitoloxía.
“Pretendo coa miña obra ofrecer vimbios para facer un cesto novo, cun discurso contra o poder.”

A lectura do mes pasado foi Os telévisores estrábicos, de Ramón Vilar, que estivo con nós durante a sesión falando cos lectores e lectoras da súa obra. Estas son as imaxes dese día.