No Contomar poñémonos “Baixo a sombra dos contos” da man de Charo Pita

A Semana do Libro e a Lectura 2014 continúa este luns 28 de abril cunha sesión de contos especial no Contomar. A partir das 18:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, poderemos ver e escoitar a actriz e narradora Charo Pita co seu espectáculo “Baixo a sombra dos contos”.

Charo Pita traballa como narradora oral actuando nos festivais máis importantes de España e Portugal, así como ofrecendo obradoiros para a formación de novos contadores. O seu labor como narradora especialízase na creación de espectáculos onde se mesturan os relatos coa música.

Actualmente, no campo da oralidade, colabora tamén co contador inglés Tim Bowley, co que realiza espectáculos bilingües. Ademais, Charo Pita desenvolve a súa actividade no campo da interpretación e da dirección teatral, e ten publicados artigos e libros de contos (Igor, editorial Kalandraka, 2001; Alguien de alguna parte, Brosquil, 2006; A la sombra del cuento, ed. Palabras del Candil, 2007). No ano 2001 gañou o premio Espiral Maior de Poesía co libro Desde Arcadia para Govinda. Forma, ademais, parte do grupo Malandança, no que participa tanto na faceta de cantante coma na de narradora, e con el gravou o disco Unha noite na corte do rei Afonso con cantigas de Sta. María.