Club de Lectura Sete Vidas publicado por

No Sete Vidas, achegarémonos ás mulleres do nazismo da man de Pilar Buela

No Sete Vidas, achegarémonos ás mulleres do nazismo da man de Pilar Buela

O martes 4 celebraremos a sesión de maio do club Sete Vidas centrada na lectura da novela da escritora Pilar Buela Ácaros verdes (Sotelo Blanco, 2003). A cita será, coma sempre, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Encontro coa autora
A partir das 21.00 horas, a autora Pilar Buela achegarase á biblioteca de Gondomar para falar cos lectores e lectoras de Ácaros verdes sobre esta novela.

O libro
Berlín, 1945. Un feixe de seres humanos atrapados na rede da guerra, debaténdose nos últimos folgos da vida. Eles, homes que decidiron sucumbir vítimas da súa propia loucura; elas, mulleres que compartiron o seu destino voluntariamente: Eva Braun e Magda Goebbels, as donas do nazismo –unha, exhibida como propaganda do réxime; outra, silenciada como un segredo do poder–, dúas vidas distintas e un mesmo destino. Pero, que facían alí?, que buscaban?, que esperaban?, que tortos camiños as conduciran a inmolarse xunto con Hitler e o seu lugartenente?
Ácaros verdes (Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta no 2003) é unha novela que, dende unha perspectiva radicalmente humana, lanza sobre a historia unha ollada feminina que sublima as barreiras temporais e espaciais.


A autora
Pilar Buela Piedra (Calo-Teo, 1966), licenciada en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa, é profesora de Lingua e Literatura Galega no ensino secundario e colabora co ICE da Universidade de Santiago. Dentro da súa especialidade ten publicados diversos traballos de didáctica. Con Ácaros verdes, a súa primeira incursión na literatura, obtivo o Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta no 2003.


Para ler máis

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com