No Sete Vidas de maio comentaremos «A obra», de Vincenza Pleti Rosic Pare-Sperac

A próxima sesión do Sete Vidas terá lugar o día 10 de maio, o 2º xoves do mes nesta ocasión. Será na Casa da Lectura a partir das 20:00 h, coma sempre, e contaremos dende as 21:00 h con Isabel Soto, a tradutora da novela da que falaremos: «A obra», da escritora croato-italiana Bruno Sperani, un dos pseudónimos que escolleu Vincenza Pleti Rosic Pare-Sperac para os seus traballos xornalísticos e literarios de finais do século XIX.
Sperani (ou Beatrice Speraz, co seu nome italianizado) é unha autora de ampla produción, fervente defensora do socialismo, as clases populares e o dereito feminino á instrución e ao voto. A acción desta novela está ambientada no Milán de finais do XIX, nun período de febril actividade de construción de novas avenidas, barrios e modernas infraestruturas. Ofrécenos (en episodios que resultan dunha actualidade sorprendente) a vida dos marxinados e desfavorecidos fronte aos poderosos especuladores.

O pasado xoves 5 de abril celebramos, no Keik café de Gondomar, a sesión mensual do Sete Vidas arredor da novela «O xardineiro dos ingleses» (Ed. Galaxia), do escritor arousán Marcos Calveiro. Esta novela de Calveiro, galardoada co premio García Barros 2017, é toda unha homenaxe do autor á súa vila natal; Vilagarcía como pano de fondo para as dúas historias, e moitas micro-historias, que entrelazan unha novela chea de aventuras e duns personaxes moi ben construídos, entre os que atopamos persoeiros ilustres no seu paso por Galicia coma o pintor Sorolla ou García Lorca… Na segunda hora acompañounos o propio autor que, a través de fotografías antigas, nos mostrou a Vilagarcía que xa non existe, os escenarios reais da súa obra de ficción. Tamén nos explicou canto de autobiográfico ten o alter-ego Modesto Filgueira, a súa paixón pola criptografía e o longo proceso de creación da novela, que se remonta a máis de 15 anos. Estas son as fotos dese día:

Sete Vidas 05/04/2018