No último Lendo Contigo coñecemos á profesora Ripaldi!!

No último Lendo Contigo coñecemos á profesora Ripaldi!!
O sábado 18 de decembro máis de 40 nenos e nenas asistiron ao Lendo Contigo na Biblioteca de Gondomar para coñecer en persoa á profesora Ripaldi, a personaxe da novela de María Alcañiz. O que non imaxinaban era que coñecerían a tres profesoras Ripaldi: só unha verdadeira, e que eles mesmos ían ser os encargados de descubrir as impostoras…

Pero antes, con Rosana e Anxo respondemos as preguntas 5 estrelas da guía de lectura. Nesta ocasión aprendemos moitas cousas sobre inventos e inventores. Por exemplo, acerca dos galegos Alexandre de Fisterra (o inventor do futbolín) e Ramón Verea (que inventou a primeira calculadora: a máquina de calcular).

Tamén nos convertemos en inventores de cadeiras. Estes son algúns dos prototipos que nos enviaron os nenos e nenas:

Despois chegou o momento de coñecer a convidada desta sesión, pero un presentador algo toleiras anunciou que María Alcañiz non podía acompañarnos e que mandara no seu lugar á mesmísima profesora Ripaldi. O problema é que en vez dunha profesora apareceron tres, que só se diferenciaban pola cor dos seus lentes. Logo de escoitar a historia de cada unha delas, os nenos votaron levantando unha cartolina coa cor dos lentes da que menos mentiras contara sobre a súa vida e que, polo tanto, era a verdadeira profesora Ripaldi.

Unha vez descuberta, a verdadeira Ripaldi respondeu a todas as preguntas dos nenos e nenas e ensinoulles todos os inventos nos que está a argallar: a cadeira para descansar cando seu vai de viaxe, o casco que detecta as boas ideas, o secador para peitear os habitantes de Robois… Tamén foi Ripaldi a man inocente que sorteou o libro que leremos no mes de xaneiro (que lle volveu tocar a Claudia!) e asinoulles os libros a todos os participantes.

Antes de rematar, por ser a derradeira sesión do ano 2010, Espazo Lectura repartiu os pasaportes lectores da próxima tempada e agasallou a todos os participantes cun novo caderno de lecturas para que rexistren as lecturas que van facer ao longo do ano e todas cantas cousas se lles ocorra.

A próxima sesión será o 29 de xaneiro. Pero antes temos todo o Nadal por diante! Deseguido podedes ver todas as imaxes desta divertida sesión.

Facebook Twitter Digg Email

You must be logged in to post a comment.

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com