Club de Lectura Sete Vidas publicado por

O autor teatral José Luis Prieto estará no club de lectura Sete Vidas

O autor teatral José Luis Prieto estará no club de lectura Sete Vidas


O martes 5 de abril celebramos unha nova sesión mensual do club de lectura Sete Vidas na que se falará arredor de dúas pezas teatrais reunidas por Edicións Embora nun único volume: Monólogo do imbécil. Jánsel e Pónsel, do autor José Luis Prieto. A primeira destas pezas recibiu o Premio Max ao Mellor Autor Teatral en 2003. A cita será a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Contaremos coa presenza do autor

A partir das 21.00 horas, José Luis Prieto visitará a Biblioteca de Gondomar para falar da súa obra cos lectores e lectoras que participen neste club.

O autor

José Luis Prieto (Narón, 1967) é un autor prolífico cunha longa traxectoria no teatro galego e numerosos premios polos seus traballos, que inclúen espectáculos infantís e traballos de docencia. Este autor adoita ser tamén actor nos seus traballos, nos que predomina o carácter cómico. José Luís Prieto recibiu dous Premios Max ao Mellor Autor Teatral en Galego: un en 2003 por Monólogo do Imbécil, e outro en 2005 por Fobias. Fobias tamén recibiu en 2005 o María Casares como Mellor Texto Orixinal.

O libro

Foi o día vinte e catro de marzo de mil novecentos sesenta. Santi Sénior e mamá pecháronse no dormitorio. Lexións de Santis A partían sen pestanexar cara a unha morte case segura. Deilles ánimos coma sempre e, acto seguido, mecido polo vaivén do testículo dereito, quedei durmido. Ao espertar, tardei en decatarme de que non era soño o que estaba sucedendo. Alí, no testículo dereito, non había ninguén. A fogosidade de Santi Sénior e mamá rematara coas reservas e o único Santi A operativo que quedaba era eu. De súpeto sonou a alarma das vesículas seminais solicitando persoal. O son da alarma significa que a exaculación é inminente. Non había excusa. Non tiña máis remedio que asumir a responsabilidade. Subín o mási rápido que puiden ata as vesículas seminais e alí agardei nervioso o momento de partir. As sacudidas fixéronse cada vez máis violentas e, por fin, despois dunha intensa subida de temperatura, o semáforo trocou en verde…

O pasado mes, o libro proposto foi Areaquente, de An Alfaya, autora coa que tivemos oportunidade de charlar. Estas imaxes correspóndese con ese día.

Facebook Twitter Digg Email

You must be logged in to post a comment.

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com