Outras actividades publicado por

O caracol Remoldiño chega a Gondomar

O caracol Remoldiño chega a Gondomar

Mañá mércores 26 de novembro, a Biblioteca Municipal de Gondomar acollerá dúas representacións do espectáculo teatral Remoldiño vai á feira, da compañía Casahamlet, adaptación do conto do mesmo título do que é autor Xoán R. Cuba con ilustracións de Óscar Villán. Este espectáculo, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e Edicións Xerais de Galicia na campaña Voces á orella, chega a Gondomar da man da asociación Espazo Lectura, que organizou dúas sesións: unha, ás 12:00h, para o alumnado de Educación Infantil do CRA Antía Cal, e outra, ás 17:00h, aberta a nenos e nenas de 3 a 8 anos, que se inscribiron previamente a través de Espazo Lectura. A actividade encádrase dentro da programación de fomento da lectura que Espazo Lectura está a desenvolver ao longo de todo o mes de novembro baixo o lema Polo San Martiño, libros ao camiño.
O espectáculo da compañía Casahamlet, dirixido a nenos e nenas de tres a oito anos, constitúe unha adaptación de Manuel Lourenzo do conto rimado homónimo de Xoán R. Cuba, ilustrado por Óscar Villán e editado por Xerais dentro da súa colección Merliño: Remoldiño nunca fora a Monterroso na vida, e quería ver a feira máis famosa de Galicia. Para viaxar argallou unha artimaña: subiu nunha bota dun tratante da montaña. Na feira estaba agardando un vello amigo de seu, o caracol don Rolando, que nesa vila naceu. Na obra, dirixida por Paulo Serantes, participan os actores Chus Álvarez e Antonio L. Rico.

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com