O club de lectura feminista Daquelas que Len despide o ano coa novela “As malas mulleres”

O xoves 16 de decembro o club de lectura feminista Daquelas que len reúnese na Biblioteca Municipal de Gondomar para falar do libro As malas mulleres, de Marilar Aleixandre (Galaxia). Esta obra, gañadora do Premio Blanco Amor 2020, aborda a existencia das reclusas do cárcere de mulleres da Galera, na Coruña, en 1863. É unha historia contada por varias voces; a de Sisca, Concepción Arenal ou a de Juana de Vega, que relatan a realidade das mulleres na sociedade desa época e poñen a esperanza dunha vida mellor nos libros e na posibilidade dunha formación.

A sesión será ás 20:00 da tarde na Biblioteca Municipal de Gondomar e contaremos coa presenza da autora.

Agardámosvos!