O Club Lecturas Debuxadas comeza o ano coa obra de David Rubín “O salón de té do oso malaio”

O próximo martes, día 21 de xaneiro, o club Lecturas Debuxadas vaise reunir para comentar o cómic “O salón de té do oso malaio”, a obra de David Rubín do ano 2007, traducida agora ao galego. O consultorio psicoanímico rexentado polo oso Sigfrido é o espazo no que se contan as historias de todos os personaxes que por alí pasan.

A sesión será as 20:00h na Libraría Libraida.

O mes pasado, o martes 10 de decembro de 2019, o Club Lecturas Debuxadas celebrou a súa sesión número CEN!!! E para esa ocasión eliximos “Mis héroes siempre han sido yonkis”, un tebeo de Ed Brubaker (guión) e Sean Phillips (debuxo). É un relato de xénero negro, inscrito de xeito tanxencial na serie “Criminal”, que os autores levan desenvolvendo durante dez anos con grande éxito.

Sendo un cómic que fala das drogas, dos motivos que levan ao seu uso, pronto vemos que se centra sobre todo na vida da súa protagonista Ellie; pero sendo quen é o seu guionista, a maldade, a traizón e os atrancos da vida acaban logo sendo os que marquen a historia.

É esta unha BD que se le con facilidade, dun tirón. O guión, a narrativa, o debuxo sinxelo e moi eficaz fan dela unha lectura áxil, con ritmos sempre ben compasados e axustados aos distintos momentos da historia.

Rematamos a sesión brindando por estas cen primeiras lecturas, e dando así as grazas a toda a xente que co seu traballo, a súa asistencia e o seu interese fai posible a estabilidade e a continuidade de algo tan extraordinario como é o Lecturas Debuxadas.

Neste enlace poden verse as 100 primeiras sesións:

https://drive.google.com/file/d/15WDcm4CLqd2Ey6Kz8MLIULAHTAXbbS_z/

As fotos dese día poden verse na seguinte presentación:

Club Lecturas Debuxadas 10/12/2019