O Comando Le despide a tempada cunha saída cultural

Este sábado 9 de xuño os mozos e mozas do Comando Le de Espazo Lectura despiden a tempada 2017-2018 cunha saída cultural que os levará ata Celanova e Allariz. De mañá, en Celanova, farán un roteiro literario da man da Fundación Curros Enríquez: partindo da visita á Casa dos Poetas, realizarán un percorrido pola vila acompañado da lectura de diferentes poemas de Celso Emilio Ferreiro e de Curros Enríquez. Despois de xantar, desprazaranse ata Allariz onde participarán por equipos nun xogo de pistas pola vila e rematarán a xornada cunha visita ao Festival Internacional de Xardíns.

Con esta actividade poñemos fin a unha tempada que estivo chea de lecturas, conversas, películas, obradoiros, sesións de colaboración coas actividades infantís de Espazo Lectura (tanto nos mércores da Casa da Lectura como na I Acampada Lectora) e encontros con escritoras como Eva Mejuto, María Reimóndez ou Anémona de Río. Deixámosvos a continuación precisamente unhas imaxes do encontro que tivemos en abril con Anémona de Río para falar do seu cómic Tam.

Comando Le 28/04/2018