O Contomar volve ás rúas de Gondomar para celebrar o Día do Libro con contos e a música do Cé Orquestra Pantasma

Este luns 23 de abril, Día Internacional do Libro, o Contomar volve na súa hora habitual, as seis da tarde, para encher de contos e música as rúas de Gondomar. Baixo o título “Un tren cargado de contos” e coa animación do Cé Orquestra Pantasma, partiremos dende a praza das Escolas Vellas de Gondomar e percorreremos diferentes espazos da vila con contos e cancións.

O Contomar é un contacontos semanal que Espazo Lectura organizou na Biblioteca Municipal de Gondomar desde febreiro de 2006 ata marzo de 2017 de xeito desinteresado, organizado polo seu propio voluntariado, ao que calquera persoa podía asistir gratuitamente. A partir de marzo de 2017, e debido a un grave desacordo co goberno municipal de Gondomar e logo de dous anos dun constante entorpecemento das actividades que Espazo Lectura realizaba na Biblioteca Municipal, a asociación decidiu suspender o Contomar de xeito indefinido, así como todas as demais actividades realizadas na devandita biblioteca. A pesar de de que se produciron dous acordos plenarios nos que se instaba ao alcalde a recuperar o diálogo con Espazo Lectura, o incumprimento destes acordos levou á asociación a tomar a determinación de non volver a realizar ningunha actividade de fomento da lectura na Biblioteca Municipal –que nin sequera conta con bibliotecario– ata que a institución municipal decida que xa é hora de que Gondomar conte cunha biblioteca digna dunha poboación de 14.000 habitantes.