A Portada publicado por

O escritor e músico Xurxo Souto visita o club de lectura Sete Vidas

O escritor e músico Xurxo Souto visita o club de lectura Sete Vidas

O escritor e músico Xurxo Souto visita este martes, 2 de decembro, o club de lectura Sete Vidas para falar, entre outras cousas, do seu libro Contos do mar de Irlanda (Ed. Xerais, 2014), a lectura proposta para este mes.

«As cousas do mar non se contan na terra», dixo o Machín de Muxía. Galiza é unha pedra chantada no Atlántico e un espazo mariño que abrangue todos os océanos. Quizá un mariñeiro do Berbés non saiba onde queda Fonfría, aló arriba na montaña, mais todos saben de Capetón, Cape Town, na fin de África. Un mariñeiro do Muro non saberá, quizá, de Olelas, na raia de Portugal, mais todos saben de Antuerpe, que é como lle din en galego do mar a Amberes, o gran porto do Norte. Prodixioso saber gremial, absolutamente vedado a terrícolas e terrícolos. Cómpre romper con esta fronteira de silencio. E cómpre principiar a mollarse na auga máis doméstica: o Gran Sol. Caladoiros tan humanizados polos nosos avós que dende hai moitas décadas teñen nome en galego. Embárcate nestas palabras. Alén do paralelo 48º N, o Mar das Galiñas, a Cona da Vella, a Ferradura agardan. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco.

A sesión dará comezo ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar. Deixamos aquí algunhas das fotos tomadas na anterior xuntanza do club, cando nos visitou a tradutora Eva Almazán ao fío da lectura de Brooklin Follies de Paul Auster.

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura