O escritor Marcos Calveiro participa no Sete Vidas deste mes con «Fontán», a súa última novela

O martes día 1 de marzo o club de lectura Sete Vidas ten unha cita na Biblioteca Municipal de Gondomar, a partir das oito da tarde, para falar sobre a novela Fontán, de Marcos Calveiro (gañadora do Premio Repsol 2015), e o interesante período (primeira metade do século XIX) no que se desenvolve a súa acción.

9788498656466

Nesta novela histórica, pero tamén de formación do protagonista, podemos coñecer o interesante labor de Domingo Fontán, o ilustrado galego, matemático e topógrafo, personaxe polifacético e gran traballador, que viaxou, exerceu a docencia, estudou varias carreiras, foi deputado polo partido Liberal… e, sobre todo, levou a cabo a primeira Carta Xeométrica de Galicia, é dicir, o primeiro mapa moderno de Galicia, que foi tamén o primeiro feito en España con métodos científicos e medicións matemáticas, publicado en 1845.
O autor da novela, Marcos Calveiro, participará da tertulia coas persoas que queiran achegarse.

O mes pasado o Sete Vidas celebrou unha divertida sesión grazas á lectura da divertida De remate de Héctor Cajaraville, unha orixinal e interesante novela, construída con textos de diferente tipoloxía a través dos cales o autor describe dun xeito irónico o noso país e o proceso vital do propio protagonista, cunha ironía e un gusto polo poder da palabra que provoca a gargallada de quen a le. Acompañounos o autor para desvelarnos o proceso de creación da novela e comentar algúns dos aspectos especialmente singulares e divertidos. Estas son as imaxes dese día: