A Portada publicado por

O escritor Marcos Calveiro visitará o club de lectura Sete Vidas de abril

O escritor Marcos Calveiro visitará o club de lectura Sete Vidas de abril
O 5 de abril, xoves, o club de lectura Sete Vidas celebra a súa sesión mensual. Nesta ocasión, a novela sobre a que falaremos será “O xardineiro dos ingleses”, de Marcos Calveiro, gañadora do Premio García Barros 2017. A cita será a partir das 20:00 horas no Keik Café de Gondomar, e estará con nós o autor a partir das 21:00 horas.
A acción da novela sitúase en dous tempos que se van alternando: un pasado que sucede entre a 1ª Guerra Mundial e a Guerra Civil Española e un presente protagonizado polo escritor inmerso no seu proceso de creación. E mestura ficción e datos reais, como a presenza das armadas inglesa e alemá na ría de Arousa pouco antes da Primeira Guerra Mundial, a relación de dous membros desas armadas cunha veciña, Delia (o verdadeiro fío condutor da trama coa súa loita por ser ela mesma e superar a súa situación), os enfrontamentos dos servizos de espionaxe de ambos bandos… Incluso, nunha esmerada recreación do ambiente cultural, social e político da época por parte do autor, podemos ver desfilar polas páxinas da novela a Plácido Castro, o pintor Joaquín Sorolla, García Lorca con La Barraca…
A sesión de marzo do Sete Vidas xirou arredor da novela “O hibisco púrpura”, de Chimamanda Ngozi Adichie (Rinoceronte). Nesa ocasión reunímonos na Casa da Lectura.

Kambili e o seu irmán levan unha vida aparentemente privilexiada en Nixeria, pero trala imaxe de home respectable e relixioso do seu pai agóchase un fanático que controla ata o último detalle da vida da súa familia. Unha visita á súa tía Ifeoma, unha humilde profesora universitaria, cambiará as súas vidas abríndolles un mundo de liberdade e amor.
Esta foi a primeira novela de Chimamanda, e nela xa están presentes dous dos seus temas predilectos: o feminismo e a identidade. Acompañamos o debate da novela coa súa charla “Os perigos dunha historia única”.
Na segunda parte estuvemos acompañados polo tradutor e editor, Moisés Barcia, que nos falou de Chimamanda, da tradución, e de Rinoceronte. Ademais agasallounos cunha recopilación de relatos de Sherlock Holmes.
Unha vez máis, unha lectura recomendadísima 😉
Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com