O ilustrador David Rubín participa no Club Lecturas Debuxadas

David Rubín, un dos ilustradores e autores galegos de cómic máis recoñecido e premiado, estará no Club Lecturas Debuxadas dentro da programación especial da Semana do Libro e a Lectura. A cita será o martes 20 a partir das 20.00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar.


Durante a primeira hora, os lectores e lectoras poderán falar sobre o cómic Onde ninguén pode chegar, a lectura proposta para este mes. Despois, o propio autor achegarase á biblioteca para falar tanto desta obra como do seu traballo en xeral. A entrada é libre.

O libro

O cómic Onde ninguén pode chegar foi gañador do premio Castelao de Banda Deseñada en 2005, instituído pola Deputación Provincial da Coruña e publicado por Edicións Lea. En decembro de 2005, a historieta tamén foi publicada en castelán pola editorial vasca Astiberri, integrada na novela gráfica El circo del desaliento.


Onde ninguén pode chegar conta a historia dunha antiga parella que se reencontra dez anos despois da súa ruptura. Rubín vai alternando na narración o pasado e o presente. A intriga do relato se mantén ata a última páxina, que é cando o lector pode atar todos os cabos.O autor

David Rubín naceu en Ourense en 1977. A pesar da súa xuventude, David Rubín é un veterano debuxante de comics de reputada traxectoria no deseño e a ilustración galega e estatal dos últimos anos, obtendo numerosos galardóns tanto en certamos galegos coma estatais: Premio Castelao de BD con Onde ninguén pode chegar; certame Na Vangarda da Xunta de Galicia; Premio INJUVE 2006 do Ministerio de Cultura; Premio Autor Revelación 2006 no Salón Internacional do Cómic de Barcelona…

É colaborador habitual en diversas publicacións de cómic e ilustración (BDBanda, Barsowia, Humo, TOS, Dos Veces Breve…). O seu primeiro álbum de BD en solitario, editado por Astiberri Edicións, El circo del desaliento, é un éxito de crítica e vendas, e grazas a el acadou a nominación “Autor Revelación 2005” nos premios do Salón do Cómic de Barcelona.

O seu segundo álbum, La tetería del Oso Malayo converteuse nun dos máis exitosos a nivel de crítica e público en todo o Estado.

Dentro do campo da animación, desenvolve a súa actividade profesional en Dygra films onde participou no filme O Soño dunha noite de San Xoán ou O Espírito do Bosque e prepara novas incursións editoriais para o mercado galego, español, francés, italiano e portugués.