Club de Lecturas Debuxadas publicado por

O ilustrador Manel Cráneo estará este martes no Lecturas Debuxadas

O ilustrador Manel Cráneo estará este martes no Lecturas Debuxadas

O martes 16 de novembro celébrase a xuntanza mensual do club de cómic Lecturas Debuxadas. Nesta ocasión, o cómic do que imos falar é Os lobos de Moeche, do autor e ilustrador Manel Cráneo.
Será na Biblioteca de Gondomar a partir das 20.00h.

Contaremos coa presenza do autor
O autor e ilustrador Manel Cráneo achegarase á biblioteca para falar cos lectores sobre a súa obra.

O libro
Os lobos de Moeche (Demo Editorial, 2009) narra unha aventura que transcorre no ocaso do século XV. A trama ten como telón de fondo a revolta Irmandiña.
No ano 1497, na cidade italiana de Bolonia, Martín de Ferreira asina un libro coas súas memorias no que lembra os feitos que fixeron que pasase de ser un mozo labrego a converterse nun home do Renacemento.
Xunto ao seu irmán Lopo vivirá, nas terras do Eume, unha intensa aventura marcada por dramáticos acontecementos, nunha época socialmente afogada polo sistema feudal, onde a xente dos pobos e vilas non tardarán en reaccionar aos abusos da nobreza de forma contundente.


O autor
Manel Cráneo (A Coruña, 1973) é debuxante e ilustrador cunha ampla actividade desde mediados dos anos noventa, cando promoveu numerosísimos fanzines como Ovo, Costra de Postre, Os rústicos da guadaña, Craneografía e Craneofilia. Participou nas dúas etapas da revista Golfiño realizando a serie “A fraga Milmañas” con guións de Carlos Amil. Traballos seus viron a luz en cabeceiras colectivas como BD Banda, Barsowia e Subterfuge.
É ex presidente da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, liderou a súa práctica refundación en 2003. Na mesma época foi o principal promotor con Kike Benlloch do Colectivo Chapapote, resposta ao desastre do Prestige coa participación de ducias de ilustradores. Ademais dunha longa experiencia en cartelismo e publicidade, é o responsable do storyboard de diversos filmes como (O lapis do carpinteiro) e curtametraxes (como A ti como se che di adeus).

Podedes ler unha entrevista con Manel Cráneo aquí.

Facebook Twitter Digg Email

You must be logged in to post a comment.

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com