O Lendo Contigo celebra o Día escolar da non violencia e pola paz co último libro de Agustín Fernández Paz

O Lendo Contigo celebra o Día escolar da non violencia e pola paz co último libro de Agustín Fernández Paz

O vindeiro sábado, 30 de xaneiro de 2010, ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública de Gondomar, o Club de lectura compartida Lendo Contigo celebrará o Día Escolar da Non Violencia e pola Paz con diferentes actividades que xirarán arredor do libro Valados, do escritor, premio nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Agustín Fernández Paz.

O libro
Valados, publicado pola editorial Xerais en 2009, é un libro que nos fala de todos eses valados, visibles ou invisibles, que se erguen para separar e illar unhas persoas doutras.
Segundo o propio Fernández Paz, con Valados quixo «narrar as consecuencias que pode ter nas vidas das persoas a existencia destes muros que afondan na desigualdade. Eu quería unha historia como un alegato contra todos os muros. Creei unha sociedade nunha vila, na que están primeiro os muros invisibles que propician a división. Estes, despois, acaban cristalizando nun muro de arame e de cemento. É un texto que ten a súa dureza, pero que está escrito coa delicadeza posible e que deixa un asomo esperanza.»
Pódense ler algunhas opinións do autor sobre o libro nesta entrevista no Faro de Vigo ou en Xornal de Galicia.

O autor
Agustín Fernández Paz é, probablemente, o autor galego de literatura infantil e xuvenil máis recoñecido. No ano 2008 obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil polo seu libro O único que queda é o amor. Na súa extensa obra en lingua galega, amplamente traducida a todas as linguas peninsulares, destacan títulos como As flores radiactivas (Premio Merlín de Literatura Infantil 1989), Contos por palabras (Premio Lazarillo 1990), Trece anos de Branca (premio Edebé de Literatura Xuvenil 1994), Cartas de inverno (premio Rañolas ao mellor libro xuvenil 1995), Cos pés no aire (Premio Raíña Lupa 1998) ou Aire negro (Lista de Honra do IBBY 2002). Os seus últimos títulos son o álbum ilustrado Lúa do Senegal e A dama da luz e Valados, publicados por Xerais ao longo de 2009.
Pódese coñecer máis sobre a súa obra aquí.

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com