O Lendo Contigo comeza nova tempada celebrando o Samaín co autor e ilustrador Pepe Carreiro

O sábado 30 de outubro, véspera do Samaín, comeza a nova tempada do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo. Ese día falaremos do cómic Os Barbanzóns. A noite de Samaín (da editorial Toxosoutos) e contaremos coa presenza do seu autor, o coñecidísimo Pepe Carreiro, pai da exitosa serie Os Bolechas. Será a partir das 12.00 horas na Biblioteca de Gondomar.

O libro

Segundo os vellos costumes celtas, o ano divídese en dúas estacións: verán e inverno. E o paso dunha estación a outra prodúcese exactamente na noite que vai do último día de Outono ao primeiro día de Santos. A noite de Samaín. A noite de Samaín, ademais de dividir o ano, confunde o mundo do máis alá co munto terreal. E iso si xa é outra historia. Precisamente a historia da que imos falar no club, a protagonizada polos Barbanzóns, os personaxes de Pepe Carreiro que habitan no castro de Baroña, na noite do Samaín.

O autor

Pepe Carreiro
(Vigo, 1954) é iustrador e autor de banda deseñada. Foi un dos fundadores de Can sen Dono, revista que chegou a dirixir, e ten colaborado en numerosas publicacións como Teima, El Pueblo Gallego, Faro de Vigo, A Peneira, A Nosa Terra ou La Codorniz. Publicou a saga A retirada de Sir John Moore na primeira etapa da revista Golfiño, que despois foi recompilada en formato álbum por Xerais. Outras creacións súas inclúen O curral de Don Mundo, Maxistérico, O galo Camilo e Robinson. Como ilustrador para nenos ten acadado moita fama, asinando a serie Os Bolechas. Na editorial Toxosoutos viu a luz a súa serie de álbumes “Os Barbanzóns”, protagonizada por unha familia castrexa que habita no Castro de Baroña.

Deixa un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *