O Lendo Contigo despediu o curso cun roteiro para coñecer os nomes do mar

O Lendo Contigo despediu o curso cun roteiro para coñecer os nomes do mar

O sábado 29 celebramos a última sesión do curso do club de lectura compartida Lendo Contigo cun roteiro por Monteferro da man do autor de Os nomes do mar de Baiona e Panxón, Xosé Lois Vilar, co que aprendemos unha chea de cousas sobre a cultura mariñeira.
Na primeira parte do percorrido soubemos que é a talasonimia e por que é necesario que os mariñeiros bauticen cun nome os diferentes puntos da costa e do mar.
Despois, arredor dunha gamela, aprendemos como fan os mariñeiros para saber en que lugar exacto botaron as nasas: trazando coordenadas entre accidentes xeográficos. Para comprendelo mellor, algúns nenos e nenas transformáronse nos diferentes montes do Val Miñor (A Virxe da Rocha, o Galiñeiro, Monteferro…) e outros convertéronse en mariñeiros que tiveron que trazar liñas rectas cunhas cordas entre dous montes e botar as nasas xusto no punto no que estas se cruzaban.
Antes de xantar todos xuntos, aínda puidemos pescar peixes que agochaban topónimos da costa do Val Miñor no bandullo e clasificalos semanticamente, e tamén fixemos un xogo de equilibrio coa talasonimia da zona.
Con este roteiro educativo despídese a actividade do Lendo Contigo ata a volta das vacacións de verán, cando regresaremos con máis lecturas e máis autores e autoras.

Facebook Twitter Digg Email

You must be logged in to post a comment.

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com