O Lendo Contigo despide a tempada cun roteiro guiado por Xosé Lois Vilar

O Lendo Contigo despide a tempada cun roteiro guiado por Xosé Lois Vilar

O libro Os nomes do mar de Baiona e Panxón, do arqueólogo, historiador e experto en toponimia Xosé Lois Vilar, é o elixido para celebrar a fin de curso do club de lectura compartida Lendo Contigo.

Roteiro guiado polo autor
O remate da tempada celebrarémolo fóra da Biblioteca Municipal de Gondomar, xa que o propio Xosé Lois Vilar preparou para nós unha camiñada guiada pola costa de Panxón durante a cal nos descubrirá a riqueza da toponimia marítima da zona.
A saída está programada para este sábado 29 de maio, ás 11.45h, desde o aparcadoiro do Polideportivo de Panxón e a actividade continuará, se o tempo o permite, coa celebración dun xantar en Monteferro para todos os nenos e nenas e as súas familias (calquera cambio que se poida producir debido ás condicións climatolóxicas anunaciarémolo neste blog).

O libro
Os nomes do mar de Baiona e Panxón é unha adaptación para os máis pequenos doutro libro do autor, Talasonimia da costa sur de Galicia, onde Xosé Lois Vilar fai un minucioso traballo de recollida de máis de 1300 nomes do mar da zona que vai de Salcidos a Panxón.

O autor
O autor naceu en Baiona en 1965, é Licenciado en Xeografía e Historia, director da sección de arqueoloxía do Instituto de Estudos Miñoranos, membro da Asociación Galega de Onomástica e empresario da froita. Son numerosos os seus traballos de recollida da tradición oral, de investigación histórica e de posta en valor da riqueza do patrimonio material e inmaterial de Galicia.

O Lendo Contigo despídese ata o próximo curso

Este sábado remata a tempada do Lendo Contigo, club de lectura polo que pasaron moitos autores e autoras, desde Elvira Riveiro ou Jacobo Fernández até Agustín Fernández Paz. A actividade do club retomarase ao comezo do próximo curso escolar.

Facebook Twitter Digg Email

You must be logged in to post a comment.

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com