O martes 15 de decembro, Club Lecturas Debuxadas


Este martes 15 de decembro, ás 20.00 horas, na Biblioteca de Gondomar, temos un novo encontro do Club Lecturas Debuxadas. Este mes, o cómic do que imos falar é o manga Ikigami 1 (Panini Comics) do autor xaponés Motorô Mase.

“Xapón, Lei de mantemento da prosperidade. Toda persoa recibe unha vacina para previr enfermidades cando chega aos 6 anos de idade. Toda a cidadanía pasa por ese trámite pero só 1 de cada 10.000 recibirá ademais unha cápsula que se activará entre os 18 e 24 anos e que lle provocará a morte. O goberno tenta desa maneira fomentar nos individuos o entusiasmo e o aprecio pola vida, convencido de que así se forman mellores cidadáns e cidadás.
Os condenados recibirán unha notificación de morte con 24 horas de antelación a través dun comunicado chamado Ikigami. Fujimoto, un dos oficiais que entregan o comunicado de morte, é o personaxe que serve de fío condutor de todas as historias.
Que farías ti se só che quedasen 24 horas de vida?”

Este é o potente argumento da serie Ikigami, que xa leva cinco títulos publicados e deu pé a unha película da que se pode ver o seu tráiler.