O martes 20 de xuño, o Lecturas Debuxadas celebra a súa última sesión da tempada coa obra «Aram o armenio»

O martes, 20 de xuño, temos a sesión mensual do Club Lecturas Debuxadas, na que comentaremos «Aram o armenio», de Abel Alves, Majox e Lara Lee. Nesta obra fálase do xenocidio armenio por parte de Imperio Otomán, xenocidio recoñecido por moi poucos países no mundo.

A cita é na Casa da Lectura, en Donas, a partir das 20:00 horas.

Na anterior sesión do club comentamos  «O Demo & Eu», con guión e debuxo de Alcimar Frazao, editado por NovoVinilo. Baseada na vida do lendario bluessman Robert Johnson, céntrase na vida do músico antes de se converter en lenda e no momento e circunstancias da súa morte. É de todos xeitos unha obra breve, na que o debuxo leva o peso sobre os feitos, e reflicto máis un ambiente, unha atmosfera mesta e desacougante, que uns feitos concretos. Feitos que de todas formas son na súa maior parte descoñecidos e tinxidos de fabulacións. Así, na BD, a pobreza, a mala vida, o Demo… levan o fío e marcan o paso e a fin da vida deste músico, imprescindible na historia do blues e da música da cultura norteamericana. Alcimar Frazao reflicte isto todo cun debuxo en branco e negro, duro, saturadísimo, moi contrastado e cunha liña áspera e moi expresiva.

No tomo inclúese como extras unha serie de ilustracións sobre o momento clave na lenda de Robert Johnson: a noite en que vende a súa alma ao Demo nunha encrucillada de camiños, pola promesa de virtuosismo, éxito e fortuna.
As fotos dese día poden verse nesta ligazón: https://goo.gl/photos/Bwxgm9TwzoKHQMs18