O Pleno de Gondomar aproba, coa abstención do alcalde e o seu grupo, recuperar o diálogo con Espazo Lectura

O Pleno de Gondomar que se celebrou onte á tarde no Auditorio Lois Tobío abordou a moción presentada por CABE a fin de que o goberno municipal, presidido polo alcalde Paco Ferreira, recuperase o diálogo con Espazo Lectura, diálogo que permitiría buscar solucións aos actuais problemas de comunicación e redución de usos bibliotecarios e reanudar así as actividades infantís na Biblioteca Municipal de Gondomar.  Con todo, a moción a favor do diálogo aprobouse co voto favorable de todos os grupos municipais (CABE, Manifesto Minor, Iniciativa por Gondomar e PP), pero coa abstención dos concelleiros do PSOE de Gondomar, o partido do alcalde. En palabras de Beatriz Núñez, presidenta de Espazo Lectura, «preocúpanos esta abstención porque detrás dela pode estar a negativa a recuperar o diálogo por parte do alcalde». Non obstante, os responsables de Espazo Lectura esperan que o alcalde cumpra o mandato do pleno e se aveña a establecer, por fin, unha relación fluída coa asociación: «Esperamos a chamada do alcalde», sinalaba a presidenta Beatriz Núñez, que incidía en que «a necesaria boa disposición do alcalde, que ten na súa man buscar un acordo, suporía un beneficio para toda a cidadanía de Gondomar e a súa biblioteca moito máis que para Espazo Lectura». A propia presidenta sinalaba que Espazo Lectura hai moito tempo que demanda unha serie de melloras na Biblioteca Municipal que ata o de agora non foron atendidas. Nese sentido, lembra, a asociación fixo chegar unha solicitude a todos os grupos políticos durante a útlima campaña electoral, pero tamén o fixera nas anteriores eleccións do 2011.

Durante a moción presentada por Gondomar Concello Aberto (CABE), no Pleno de onte, interviñeron os responsables políticos de todos os grupos, logo de que o propio voceiro de CABE dese lectura ao texto da moción. A continuación interviu Manuel Gómez, responsable do grupo Iniciativa por Gondomar, que declarou o seu apoio á moción e a Espazo Lectura e deu conta da recente visita que varios membros do seu grupo político realizaron á Casa da Lectura para entrevistárense coa presidenta da asociación.

BibliotecaEn representación do PP interviu o ex-alcalde Fernando Guitián, que lembrou a colaboración con Espazo Lectura durante o seu mandato a través do concelleiro Nacho Troncoso, así como o financiamento do Concello de Gondomar para o proxecto arquitectonico da Casa da Lectura-Museo do Conto, actualmente paralizado. O concelleiro de Gondomar Concello Aberto, Pauliño del Río, mostrou a súa indignación ante a falta de diálogo do alcalde, ante as obras non consensuadas que se realizaron na Biblioteca Municipal e ante a redución de usos bibliotecarios, rebatendo, moi especialmente, as palabras do alcalde cando afirmaba que a sala de estudo do piso superior estaba a disposición dos usuarios e usuarias xa que, segundo o propio concelleiro de CABE informou, el mesmo acudiu a comprobar como unha cadea e un sinal de prohibido o paso impide o acceso desde o remate das reformas. Tamén Xosé Antón Araúxo, vice-alcalde e representante de Manifesto Miñor, partido que co-goberna no Concello, anunciou, tal e como se anticipaba na declaración pública da súa organización, o apoio á moción e ao diálogo con Espazo Lectura, así como a súa mediación, recalcando o feito de que el mesmo é socio de Espazo Lectura.

Con todo, o alcade volveu a insistir na falta de argumentos de Espazo Lectura para suspender as actividades infantís na Biblioteca Municipal e quixo centrar a súa atención exclusivamente na colocación das mesas da biblioteca, desoíndo todos os argumentos que Espazo Lectura fixo públicos e que lle fixo chegar ao propio Paco Ferreira. Finalmente, a moción aprobouse cos votos a favor de CABE, Manifesto Minor, Iniciativa por Gondomar e PP e coa abstención do PSOE, encabezado polo alcalde.

Así e todo, a presión a favor do diálogo sobre o goberno municipal foi estreitándose, xa que durante estes últimos días, diversos centros de ensino do Val Miñor fixeron público apoio da súa dirección ou dos seus claustros a Espazo Lectura e moitos deles enviaron, por rexistro, ese apoio ao Concello de Gondomar e ao seu alcalde.

Agora só queda esperar a que o alcade cumpra o mandato do Pleno e convoque á directiva de Espazo Lectura para recuperar o diálogo. A asociación xa anunciou a súa intención de realizar unha Asemblea Xeral Extraordinaria na que os socios e socias da entidade tomen as decisións que lles parezan máis apropiadas en función de como derive a situación.