O próximo Lecturas Debuxadas celébrase na Casa da Lectura para comentar a obra «O demo & eu»

O próximo martes 16 de maio celebramos a sesión mensual do Club Lecturas Debuxadas na que comentaremos O demo & eu, de Azimar Frazão. O cómic ten unha banda sonora para escoitar mentres se le: https://www.novovinilo.net/blank-2. Esta sesión será na Casa da Lectura, a partir das 20:00 horas.
Na sesión de abril do Club Lecturas Debuxadas xuntámonos para falar de “Lobada”, con guión de Xosé trigo e debuxo de Ramón Trigo. A obra, finalista no Premio Castelao de BD do 2015, está ambientada en Galicia, nos anos da II Guerra Mundial, e ten de fondo o mundo da espionaxe, a presenza alemá e os movementos arredor do contrabando e a extracción do wólfram.
Cun debuxo enormemente expresivo, nun branco e gris virado a sepia, os irmáns Trigo crean unha atmosfera escura e misteriosa que acompaña estupendamente a historia. É un debuxo ao primeiro difícil e extraño, pero que gana cunha mirada aberta e atenta. Na segunda hora tivemos a visita dos autores, cos que falamos sobre a obra e nos contaron parte do proceso da súa concepción e creación, e adiantaron un pouco de novas ideas e proxectos. Estas son as fotos dese día: https://goo.gl/photos/9gKEzumznkx8Xe9c8