O sábado viaxamos a Londres no Lendo Contigo

O sábado viaxamos a Londres no Lendo Contigo

O sábado 29 de xaneiro terá lugar a sesión mensual do Club de Lectura Compartida Lendo Contigo, dedicado a nenos e nenas de 8 a 12 anos, e seus pais e nais, e organizado por Espazo Lectura.
Nesta ocasión, o libro que centrará a sesión é A máquina contacontos (editorial Rodeira), do escritor galego establecido en Londres Xelís de Toro.

Viaxaremos a Londres para falar co autor
O autor non poderá estar na Biblioteca de Gondomar, por iso, serán os asistentes ao club os que fagan unha viaxe virtual á capital británica e terán oportunidade de falar con Xelís de Toro grazas ás novas tecnoloxías. A cita é o sábado ás 12.00 horas.

O libro
A historia que narra A máquina contacontos ten lugar nun mercado londiniense chamado Walthamstow. A este mercado, sen faltar un só sábado, acudía un home que era propietario dunha curiosa máquina que tiña a asombrosa particularidade de inventar contos. E ninguén parecía coñecer o segredo da máquina, ata que…

O autor
Xelís de Toro naceu en Santiago de Compostela en 1962 e reside en Londres. Foi letrista e cantante do grupo Os Quinindiolas. Escribe literatura infantil e xuvenil e tamén para adultos. Algúns dos seus libros de narrativa son: Seis cordas e un corazón (co seudónimo de Roque Morteiro), Premio Compostela Cultural; Non hai misericordia, Premio Narrativa Cidade de Lugo; Os saltimbanquis no paraíso, Premio San Clemente en 2000; Terminal; O trompetista e a lúa; The Corunna boats ou Riofero.
Por outra parte, foi socio fundador da editorial Edicións Positivas e dirixiu a revista Anima+I durante o primeiro ano.


Xelis de Toro mantén na rede o espazo http://laboratoro.net/.

Facebook Twitter Digg Email

You must be logged in to post a comment.

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com