O Sete Vidas celebra 50 sesións cunha novela que retrata a sociedade exipcia actual

En novembro de 2008 celebramos a primeira sesión do club de lectura Sete Vidas que estivo dedicada á novela Así nacen as baleas de Anxos Sumai. O próximo martes 11 de marzo, cinco anos depois da posta en marcha do club, cumpriremos 50 sesións. A novela proposta para ese día de celebración é  O edificio Yacoubian, de Alaa Al Aswany (Rinoceronte).

En pleno corazón do Cairo, tras os muros do esplendoroso e decadente edificio Yacoubian, crúzanse a diario todo tipo de personaxes, coas súas debilidades e soños. Entre eles, Taha, o fillo do conserxe que cae nos brazos do islamismo tras ver frustradas as súas aspiracións a policía; Zaki Bei, un vello aristócrata nostálxico doutros tempos; Hatem, o xornalista homosexual que se enfronta a un mundo cada vez máis intolerante; ou Busayna, que acepta os convites do seu xefe para axudar economicamente a súa familia.
A través destes personaxes, Al Aswany ilustra a sociedade exipcia actual e a marca que a Historia recente foi deixando nela, ao tempo que aborda, cun ton despoxado de xuízos, asuntos tabú como a corrupción política, o auxe do fundamentalismo relixioso, as desigualdades sociais ou a ausencia de liberdade sexual.

Coma sempre, as sesións do Sete Vidas celébranse o primeiro martes de cada mes ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar.

Para participar non é necesario ser un lector ou lectora experimentado; soamente hai que gozar da lectura ou querer descubrir que a lectura nos abre as portas para vivir sete vidas e ter ganas de compartir esa experiencia cos demais membros do club.