O Sete Vidas pecha o ano na compaña do escritor Manuel Esteban e a súa novela «O meu nome é ninguén»

O xoves 13 de decembro celebraremos a última sesión do ano do Sete Vidas arredor da novela “O meu nome é Ninguén” de Manuel Esteban (publicada por Xerais), na cal acompañaremos ao inspector Carlos Manso na procura de respostas pola cidade de Vigo.

A sesión terá lugar en Libraida ás 20:00.

O pasado 14 de novembro celebramos na Casa da Lectura unha sesión conxunta dos clubes Sete Vidas e Lecturas Debuxadas arredor de “Novela de Xadrez” do autor austríaco Stefan Zweig (Ed. Irmás Cartoné) e a súa adaptación a banda deseñada feita maxistralmente por David Sala: “El Jugador de Ajedrez” (Ed. Astiberri)

Sobre a novela, que gustou moito entre os asistentes, debatemos sobre a tendencia obsesiva na anticipación dos movementos do adversario no xadrez. Tamén comentamos os terribles métodos de tortura psicolóxica utilizados polo fascismo e sobre a posible intención metafórica da partida de xadrez como representación dun conflito maior como o que se vivía na Europa daquel momento.

No que respecta ao cómic, que abordamos na segunda parte da sesión, tamén gustou moito. Coincidimos na boa escolla das gamas cromáticas, especialmente en como transmiten e mudan sensacións en función da trama, e no axeitado do deseño das viñetas que en momentos te meten de cheo na historia.

Coincidimos en que as dúas obras se complementan perfectamente e a súa lectura simultánea achega valor engadido a unha breve historia con moitísimo contido de fondo.

Estas son algunhas imaxes dese día.

SETE VIDAS E LECTURAS DEBUXADAS, 2018/11/14