«O tesouro de Lucio», no Lecturas Debuxadas de febreiro

«O tesouro de Lucio» será o cómic proposto para a sesión do mes de febreiro no Club Lecturas Debuxadas, que se celebrará o martes 19 de febreiro na libraría Libraida de Gondomar, a partir das 20:00h, con entrada libre.
Baseándose en interminables charlas e entrevistas co anarquista navarro, Belatz recrea as accións, lugares, personaxes e sucesos que marcaron a vida de Lucio Urtubia.

Para comezar o ano, o Club Lecturas Debuxadas comentou «Esclavos del Trabajo», de Daria Bogdanska, editado por Astiberri. Trátase dunha BD autobiográfica na que a autora conta como foi a súa chegada a Suecia e as dificultades, problemas laborais, sociais, persoais… que atravesou nese tempo no que compaxinaba os precarios traballos coas clases de cómic.
O libro resulta unha visión fortemente desmitificadora do estado nórdico do benestar, ao que só parecen ter acceso os cidadáns suecos, mentres os inmigrantes se ven forzados a subsistir con traballos mal pagados e non regulados. Ao mesmo tempo, Daria conta como foi ese momento na súa vida persoal, facendo que o cómic abarque non soamente o aspecto reivindicativo e laboral, senón a súa vida por enteiro.
Cun debuxo correcto e sinxelo, aínda que algo simple nalgúns aspectos, a historia avanza con rapidez.
En definitiva, unha obra que deu moito que falar sobre o modelo social sueco, e as súas carencias e virtudes.
Estas son as imaxes dese día:

Club Lecturas Debuxadas, 15/01/2019