A Portada publicado por

Obradoiro de cartoneiras no Comando Le

Obradoiro de cartoneiras no Comando Le
Este sábado 31 de xaneiro os mozos e mozas do Comando Le vanse reunir a partir das 20:00 horas na Casa da Lectura para achegarse á experiencia das editoras cartoneiras e participar nun obradoiro de encadernación. Nesta sesión, cada comandoleiro poderá elaborar, de xeito artesanal, un libro cos textos que eles mesmos escribiron nas dúas sesións do obradoiro de creación Con nocturnidade e poesía, impartido nos meses de novembro e decembro pola poeta Elvira Riveiro. Contaremos coa colaboración de varios membros da asociación Astromántica Cartoneira, que nos falarán do seu proxecto e guiarán o obradoiro de encadernación

Astromántica Cartoneira é unha editorial cartoneira universitaria que continúa o movemento iniciado por Eloísa Cartonera (Buenos Aires) en 2001. Dende entón, foron aparecendo, sobre todo en América Latina, pero tamén en España, iniciativas deste tipo, coa vontade de dar unha nova utilidade ao cartón empregado polos medios de produción da nosa sociedade.

As editoriais cartoneiras, como Astromántica, contemplan o ciclo completo da vida dun libro: escritura, corrección, maquetación, deseño de cubertas e encadernación de textos. Os textos que habitualmente utiliza son cedidos polos autores ou por outras cartoneiras e compartidos con licencia copyleft. Ademais, a encadernación é única xa que se empregan cartóns reciclados e distintas técnicas artísticas de ilustración.

O obxectivo de Astromántica Cartoneira é facer chegar os libros aos seus destinatarios finais: os lectores. Deste modo é fundamental a colaboración con outras asociación culturais, centros de ensino, librarías, etc. coa finalidade de difundir a súas actividades e promocionar esta nova forma de tratamento dos textos literarios.

Na sesión de decembro de 2014, os comandoleiros e comandoleiras asistiron á segunda parte do obradoiro de creación Con nocturnidade e poesía, dirixido pola poeta Elvira Riveiro. Xogando coas palabras, das súas mans saíron acrósticos, jitanjáforas, tautogramas, lipogramas, textos aliterativos e anafóricos, versos encadeados… Unha manchea de textos que este próximo sábado se converterán en libros! Aquí vos deixamos as imaxes dese obradoiro de creación con Elvira Riveiro.
Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura