Os animais invadirán este mércores a Casa da Lectura da man do Comando Le

O mércores 17 de febreiro un grupo de cinco rapaces e rapazas do Comando Le serán os encargados de desenvolver a sesión de dinamización lectora da Casa da Lectura a partir de poemas, contos, cancións e xogos sobre animais. Noa, Lucía, Inés, Manuel e Martina compartirán cos nenos e nenas algúns dos poemas do libro Animal fun! Versos e animaliños en galego e inglés, de Pepe Sendón e Fausto (El Patito Editorial). Tamén contarán Non fai falta a voz, de Armando Quintero e Marco Somá (OQO) e A noite das mudanzas, de Pep Bruno e Lucie Mullerová (OQO) e cantarán Dona Carme, de Manuel Bragado e Pepe Carreiro (Ir Indo). Con esta proposta, os mozos e mozas do Comando Le colaboran como contadores e contadoras na Casa da Lectura, igual que o fixeran xa en tempadas anteriores no Contomar.

A sesión comezará ás 18:00h, aínda que a Casa da Lectura estará aberta xa a partir das 17:30h para atender o servizo de préstamo.

Na última sesión de dinamización lectora visitounos un osiño e o seu cesto de tesouros cheo de aromas do bosque que puidemos desfrutar. Logo convidounos a converternos en bosque e a escoitar a historia de Riciños e oso, un conto de Entroido que aborda o tema do sexismo na sociedade. Estas son as imaxes dese día.