Os clubs de lectura Sete Vidas e Daquelas que Len celebran unha sesión conxunta arredor da novela «O conto da criada»

Este xoves 14 de novembro os clubs de lectura Sete Vidas e Daquelas que Len celebrarán unha sesión conxunta ás 20:00 na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas) para falar de «O conto da criada» de Margaret Atwood (Irmás Cartoné).

Esta novela publicada por primeira vez no ano 1985 lévanos a un futuro distópico onde os Estados Unidos convertéronse na República de Galaad, un estado totalitario no cal as mulleres viven subxugadas por unha sociedade patriarcal.

O pasado día 3 de outubro comezou a undécima tempada do Sete Vidas, na Casa da Lectura, arredor da novela “Infamia” da autora viguesa Ledicia Costas. A autora contounos como o xermolo da novela foi un coñecido e mediático caso da desaparición dunha menor que tras moitos anos segue sen resolución. Así, a través deste trauma violento que atravesa a toda a sociedade de Merlo, pretende presentarnos uns personaxes eivados polas súas propias circunstancias e unha sociedade enferma dunha violencia que atravesa toda a novela: agresións, violacións, pederastia na igrexa, discriminación por orientación sexual etc.

Tamén comentamos que a obra está inzada de referencias musicais e cinematográficas, así como referencias literarias entre as que destaca o poeta Félix Francisco Casanova a quen a autora admira e pretende visibilizar.

Sete Vidas 03/10/2019