00_Casa da Lectura_cabeceira
Sesións de dinamización lectora
Idades da actividades: nenas e nenos de 3 a 10 anos e familias
Día: Todos os mércores (agás festivos e vacacións escolares)
Hora: apertura: 17:30 h / actividade: 18:00 h

Coordinación: Beatriz Pereiro e Xoán Cruz.

Equipo: Eva Fernández, Natalia Gantes, Andrea Michèle Rosario, Mali Vicente, José Carlos Jato, Cristina Jácome, Yesenia Montero, Ana Besada.

Todos os mércores á tarde ten lugar na Casa da Lectura unha actividade de dinamización lectora dirixida a nenas e nenos de 3 a 10 anos. Os mércores na Casa da Lectura, que se creou en maio de 2009, comeza ás 18:00 horas e remata arredor das 19:30. Non obstante, as súas portas están abertas desde as 17:30 para facilitar o préstamo bibliotecario.

O obxectivo das sesións de dinamización desenvolvidas os mércores na Casa da Lectura é presentar a lectura como unha chave que abre as portas a outras  experiencias, coñecementos e aprendizaxes.

Con tal fin, contamos coa colaboración dun equipo de 10 persoas que participan na organización das sesións, na crónica fotográfica e no préstamo bibliotecario. Este equipo está coordinado por dúas persoas da xunta directiva de Espazo Lectura que se encargan de organizar as quendas, xestionar o material necesario e guiar o proxecto co obxectivo de que resulte variado e equilibrado en canto ao tipo de propostas.

As sesións de dinamización permítennos unha inmersión en todos os aspectos do libro e da linguaxe a través do texto e da ilustración, e a experimentación das súas osibilidades sonoras, artísticas e lúdicas, abrindo canles de transferencia dunhas linguaxes a outras.

Tendo sempre como base a lectura, a persoa ou o equipo de persoas que prepara estas sesións vai establecendo vencellos entre o conto e outras linguaxes de xeito que se ofrezan experiencias e aprendizaxes diferentes. Aínda que moi distintas cada semana, o decurso das sesións responde a unha estrutura semellante: lense  algúns contos, textos ou poemas e, a partir desa lectura, propónselles ás familias realizar algunha actividade baseada neles: obradoiros de poesía, xogos de ritmo e rima, teatralización de contos, sesións de lectura e música, de contos e maxia, de contos e números, de contos e medos, de teatro de sombras, de expresión plástica, son exemplos dun variado catálogo de actividades.

 

Casa da Lectura. Selección