Casa da Lectura publicado por

Os mércores na Casa da Lectura

Os mércores na Casa da Lectura

Continúan todos os mércores, ás 18:30h, as sesións de dinamización na Casa da Lectura (Nogueira, 8 – Donas). Mañá teremos unha actividade a cargo de Trini Puentes que falará cos nenos e nenas sobre a comunicación humana e a importancia da voz para falar e comunicar os nosos sentimentos e estados de ánimo. Partirase do conto Historias da voz, no que unha nena vai de viaxe para buscar unha voz fermosa para a súa nai e, logo de atopar voces diferentes, comprende que cadaquén ten a súa voz, que é algo persoal, e que a da súa nai é a máis bonita do mundo. Logo os nenos xogarán a través de frases e cancións a cambiar as voces para descubrir así as múltiples posibilidades que ten a nosa voz.

Cada semana a Casa da Lectura abre as súas portas de 17:30h a 19:30h para que as nais e pais poidan achegarse a ler cos nenos e nenas e para participar na actividade de dinamización que se organiza ás 18:30h, propostas diferentes nas que se combinan os contos e as historias con outras actividades. Hai dúas semanas contamos contos de ourizos e logo cada neno fixo o seu ourizo de plastilina e pipas e, a semana pasada, a través dos mapas dos atlas, fomos de viaxe a Ucrania a buscar Pedro e o lobo, un conto con música de Sergei Prokofiev. Logo cada neno mandoulle a alguén unha postal contándolle a experiencia.

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura