Proposta de mellora da biblioteca municipal para os grupos políticos de Gondomar que se presentan ás Eleccións Municipais 2019

Espazo Lectura envioulles aos diferentes grupos políticos de Gondomar unhas propostas de mellora para a Biblioteca Municipal de Gondomar coa petición de que as asuman entre os seus compromisos de cara ás próximas Eleccións Municipais 2019.

Reproducimos deseguido o documento completo:

POLA MELLORA DA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE GONDOMAR

Proposta de Espazo Lectura ante as Eleccións Municipais 2019

Nos anos 2011 e 2015, con motivo das dúas anteriores convocatorias de eleccións municipais, Espazo Lectura envioulles aos partidos políticos que se presentaban en Gondomar propostas relacionadas co fomento da lectura. Nalgunhas daquelas demandas producíronse avances entre 2011 e 2015, pero outras seguen a estar vixentes e a situación que se describía nelas segue a ser a mesma ou peor, especialmente desde que Espazo Lectura deixou de realizar actividades na Biblioteca municipal no mes de maio de 2017. Así tamén, ata 2015 avanzamos no proceso de reforma da Casa da Lectura, co investimento por parte do Concello de Gondomar 20.000€ na elaboración do proxecto arquitectónico que desde ese ano leva parado e sen busca de financiamento.

As demandas relacionadas coa mellora da Biblioteca Municipal que faciamos hai catro anos (e mesmo hai oito anos) seguen estando plenamente vixentes, xa que a precaria situación da Biblioteca Municipal segue a ser practicamente a mesma. Por este motivo, desde Espazo Lectura dirixímonos de novo aos partidos políticos que concorren ás próximas elección municipais para pedirlles que asuman publicamente un compromiso de mellora da Biblioteca Muncipal que tería que incluír diferentes aspectos:

1. Ampliación e mellora do espazo.

O actual espazo da Biblioteca Municipal é claramente insuficiente e require melloras urxentes en canto a mobiliario, fondos e equipamento para poder atender as necesidades da cidadanía e garantir a convivencia dos diferentes usos e servizos que debe ofrecer unha biblioteca pública (bebeteca, mediateca, espazo infantil, sala de lectura, sala de estudo, zona de xestión etc.).

No futuro habería que estudar unha nova localización para a Biblioteca Municipal, fóra do actual edificio da Casa da Cultura, nun lugar máis accesible, sen barreiras arquitectónicas e cunha situación céntrica na vila. Desde Espazo Lectura consideramos que ese novo local para a Biblioteca Municipal podería ser o edificio do actual Centro de Saúde, unha vez que o novo estea en funcionamento e se trasladen alí todos os servizos sanitarios.

2. Ampliación do persoal de atención á Biblioteca Municipal e convocatoria da praza de bibliotecario/a cun perfil de especialista.

A Biblioteca Municipal precisa dun bibliotecario ou bibliotecaria con formación específica neste ámbito que coordine o traballo de xestión e catalogación do fondo e o proceso de informatización do servizo de préstamo, así como todo o necesario labor de dinamización, no que se podería seguir contando coa colaboración de Espazo Lectura. A Biblioteca de Gondomar debería dispoñer, como toda biblioteca pública, dun bibliotecario ou bibliotecaria especialista, sobre todo se temos en conta que é unha biblioteca que acolleu un dos proxectos de dinamización lectora máis amplo de Galicia, desenvolvido polo equipo de voluntarios e voluntarias de Espazo Lectura, o que fai que sexa aínda máis necesaria unha persoa con coñecementos e capacidade para facer que a Biblioteca Municipal acompañe e dea resposta ás necesidades derivadas das actividades e do movemento de usuarios vinculados a ese programa de dinamización. A nova corporación municipal debe asumir a ampliación de persoal da Biblioteca Municipal coa convocatoria desa praza de bibliotecario/a especializado, unha mellora necesaria ademais para atender a ampliación de espazo proposta no punto anterior.

3. Establecemento dun orzamento específico estable.

A Biblioteca Municipal precisa ter un orzamento co que asumir con urxencia un proceso

de revisión e actualización dos fondos, cun necesario traballo de expurgo e de determinación das necesidades de renovación do catálogo para poder dar resposta ás necesidades e demandas dos usuarios e usuarias.

Nun momento en que as desigualdades sociais son cada vez maiores, as bibliotecas públicas teñen a obriga de converterse en motores de compensación social para garantir o libre acceso de todos os cidadáns e cidadás á cultura, á educación, á formación e ao ocio, polo que consideramos que calquera partido político que aspire a gobernar en Gondomar debe asumir unha aposta firme de mellora da Biblioteca Municipal. Nese mesmo sentido traballa Espazo Lectura coa súa programación de actividades e o seu labor de voluntariado. Só desde o compromiso firme de mellora da Biblioteca Municipal e desde a colaboración das dúas entidades, Concello de Gondomar e Espazo Lectura, poderemos seguir avanzando co obxectivo de converter Gondomar nun modelo de referencia de fomento da lectura en Galicia.

No que se refire á Casa da Lectura e ás relacións da Asociación co Concello de Gondomar tamén queremos facer as nosas propostas:

1. Mellora das instalacións da Casa da Lectura.

Desde o ano 2009 Espazo Lectura vén desenvolvendo innumerables actividades de animación á lectura nesta ubicación, que é a sede da asociación. Todas as actividades que alí se programan son de libre acceso (ao igual que a Biblioteca, dotada de fondos actualizados e catalogados dentro da Rede de Bibliotecas de Galicia) e fináncianse con cartos propios de Espazo Lectura, procedentes das cotas dos seus socios e socias. Pero sería necesario acometer as reformas necesarias nas instalacións para garantir a correcta conservación dos edificios e dos materiais que albergan, así como a seguridade das actividades que alí se realizan.

2. Convenio de colaboración de Espazo Lectura co Concello de Gondomar.

As relacións de Espazo Lectura co goberno municipal deben basearse nunha comunicación fluída, na que se faciliten as necesidades que lle xorden á asociación para o correcto desenvolvemento das actividades que queremos seguir realizando en colaboración co Concello, porque non se debe esquecer que Espazo Lectura contribúe co seu labor a acadar obxectivos que a propia administración local debería perseguir. Así, demandamos da nova corporación municipal que saia das urnas no mes de maio que favorezan a sinatura dun convenio de colaboración con Espazo Lectura que permita establecer un marco que nos permita delimitar os compromisos e as responsabilidades que asume cada quen.

Espazo Lectura é unha asociación de voluntariado que traballa a favor do libro e a lectura e, en definitiva, da educación e do benestar da cidadanía, aberta ao diálogo, á negociación e integrada por persoas entusiastas que dedican o seu tempo libre a traballar a favor da comunidade. Contamos con 32 entidades que son socias-protectoras de Espazo Lectura, 17 das cales son centros de ensino do Val Miñor. Cremos profundamente no que facemos e gustaríanos sentir que os responsables políticos que nos representan son capaces de arrouparnos nesta ilusión común que, en definitiva, é un proxecto que privilexia e referencia a Gondomar coa vangarda da cultura, da lectura e da educación. É dicir, co progreso e co futuro.

Espazo Lectura

Gondomar, marzo de 2019