A Portada publicado por

Próximo encontro de Contos en Cueiros: Cantamos historias coa Banda dos Cueiros

Próximo encontro de Contos en Cueiros: Cantamos historias coa Banda dos Cueiros

O venres 23 de marzo celebraremos unha nova xuntanza de Contos en Cueiros. Será na Casa da Lectura (Donas, Gondomar) a partir das 18:00 horas. Nesta ocasión, algúns membros d’A Banda dos Cueiros estarán con nós para contar e, sobre todo, cantar historias.

Criterios de inscrición

Contamos cun aforo limitado a 15 bebés acompañados de 1 persoa adulta. Os criterios de inscrición son os seguintes:

– Terán prioridade os fillos/as de socios e socias de Espazo Lectura, por orde de inscrición.

– Para inscribirse cómpre enviar un correo a contosencueiros@gmail.com e facilitar:

– o nome do bebé
– o ano denacemento: nenos/as de 0 a 3 anos nacidos en 2015 ou despois
– o nome da persoa adulta que o vai acompañar
– un teléfono de contacto (para avisar en caso de quedar en lista de espera)
– en caso de ser socios/as, o nome do socio/a

– Todas as persoas que se inscriban deben esperar un correo de confirmación para saber se finalmente teñen praza. Ese correo enviarase o día en que remata o prazo de inscrición: MÉRCORES anterior á sesión ás 12:00 h do mediodía.

Na xuntanza do mes de febreiro, o tema foi o corpo humano. Primeiro lemos, coma se fose un poema, a letra da canción “Os sentidiños” de María Fumaça e logo proxectamos o vídeo, para cantala e bailala cos bebés. Deseguido lemos o conto “O señor corpo quere xogar”, imitando cos bebés cada un dos movementos do corpo que se describen no libro. A continuación pasamos a unha parte máis manipulativa. Colgamos unha silueta do corpo humano en tamaño grande e repartimos a mesma silueta en tamaño A4 para cada familia. A partir de aí fomos completando (tanto na silueta grande como cada bebé nas pequenas) cada parte do corpo cos diferentes elementos: pelo, ollos, orellas, nariz, mans e dedos… Para cada parte, levamos obxectos e materiais sensitivos (perrucas, obxectos sonoros, aromas, texturas…) e falamos dos sentidos.

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura