Raquel Queizás, este sábado no Comando Le

O sábado 17 de decembro, a partir das 20:00h, a Casa da Lectura acollerá unha nova sesión do Comando Le, dedicada nesta ocasión ás historias de intriga, medo e misterio. Na primeira parte contaremos coa presenza da actriz e contadora Raquel Queizás e o seu espectáculo Caso pechado, unha sesión de contos para adolescentes que recolle lendas urbanas e relatos de misterio, da man dunha detective que fala dos casos máis curiosos que tivo que resolver. Será unha sesión participativa e con moito humor, na que os comandoleiros e comandoleiras serán, ao mesmo tempo, público e actores e actrices.
Na segunda parte, logo da cea compartida habitual nas sesións do Comando Le, achegarémonos á literatura de intriga e misterio a través da lectura de textos de diferentes autores. A sesión incluirá unha homenaxe especial ao escritor Agustín Fernández Paz, na que leremos fragmentos de diferentes obras súas de misterio. Tamén os rapaces e rapazas lerán contos propios que escribiron dentro da convocatoria dun concurso de microrrelatos: textos de 250 palabras como máximo que eles e elas escribiron a partir dun texto inicial extraíado da obra A neve interminable, de Agustín Fernández Paz. Ao remate da sesión escollerase o texto gañador deste concurso de microrrelatos.
Deixámosvos aquí as imaxes da sesión de novembro, na que contamos coa presenza do ilustrador Abraham Carreiro: https://goo.gl/photos/KptWEi7NaV9wd8m36