A Portada publicado por

Reformas na Biblioteca Municipal de Gondomar

Reformas na Biblioteca Municipal de Gondomar

Prezados socios e socias:

Nas últimas semanas teredes visto nos diferentes medios de comunicación novas sobre as reformas que se están a realizar na Biblioteca Municipal de Gondomar. Como ben recordades, esta é unha antiga reivindicación de Espazo Lectura que, mesmo no ano 2017, nos levou a deixar de realizar as actividades que viñamos facendo alí desde xaneiro de 2006.

Comprácenos polo tanto comprobar que o Concello está a levar a cabo unha mellora significativa, tanto das instalacións como da propia colección e a súa dotación de persoal segundo teñen feito público nos medios.

A intención que manifestaron é de destinar todo o edificio da Casa da Cultura para uso bibliotecario e de arquivo. Polo de agora comezaron por dotar a instalación dun ascensor para facilitar a accesibilidade e mellorar significativamente a primeira planta do edificio para aumentar a calidade da sala. No futuro virán obras que habiliten o resto das plantas para os diversos usos que precisa unha Biblioteca.

Ademais, desde o mes de decembro, estase a facer un labor de expurgación, de recatalogación dos fondos existentes e de catalogación das novidades por parte de persoal especializado na materia. A continuación procederase a contratar unha persoa bibliotecaria que poña en marcha o funcionamento normalizado da Biblioteca.

Tamén queremos informarvos de que todas estas actuacións foron emprendidas polo Concello e que nós estivemos dispoñibles para asesorar e colaborar sempre que fomos requeridos para facelo. Polo tanto, a partir de agora eliminaremos das nosas notas mensuais a reivindicación dunha Biblioteca Pública Municipal digna, acordo da asemblea de socios de 2016.

Por outra banda, o Concello vai executar o compromiso adquirido no verán de mellorar as instalacións da Casa da Lectura, como vos informamos na Asemblea Xeral Ordinaria de 2020. Tendo en conta os períodos de licitación e autorización das obras, non cremos que empecen antes do vindeiro verán, pero estamos moi satisfeitas e ilusionados pola enorme mellora que supón este paso para o desenvolvemento das nosas actividades e para o mantemento da instalación tan querida por tod@s nós.

Por último, queremos expresar o noso enorme agrado polo novo tempo de colaboración e entendemento co Concello que se abre ante nós e que esperamos sexa frutuoso para toda a veciñanza de Gondomar. Espazo Lectura non pode máis que agradecer e poñerse ao dispor do Concello para axudar e colaborar en todo aquilo que estea nas nosas mans.

Gondomar reorganiza e actualiza a biblioteca

A casa da cultura de Gondomar contará con ascensor

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com