A Portada publicado por

Repaso fotográfico das últimas actividades da tempada 2014-2015

Repaso fotográfico das últimas actividades da tempada 2014-2015

Coa celebración da xuntanza do Consello Operativo do venres 26 de xuño, onde se fixo unha avaliación da tempada 2014-2015, Espazo Lectura remata o calendario de actividades do curso, que se reanudará tralo período estival. Grazas aos socios e socias, e a todas as persoas voluntarias que traballan día a día na asociación por facer posible, unha tempada máis, este soño compartido de lecturas e de libros.

Deixamos as fotografías das últimas actividades da tempada.

– Na noite do 23 ao 24 de maio celebrouse a VII Noite na Biblioteca. Tratouse dunha noite pirata organizada coa colaboración dos mozos e mozas do Comando Le. A programación incluíu unha función de teatro a cargo da compañía Os Quinquilláns co seu espectáculo “Por que é salgada a auga do mar?”:

– O luns 25 de maio foi a quenda do Contomar, que despediu unha tempada de grande afluencia de público coa lectura dramatizada do conto “A cociñeira do rei”.

– O 29 de maio despedimos o Lendo Contigo. A sesión xirou arredor do libro “Casas”, de Paula Carballeira, editado por Tambre. Comezamos comentando cos nenos e nenas o folleto que preparou o equipo do Lendo contigo sobre o libro: comentamos as cousas que aprenderon investigando en familia e lemos os relatos que os nenos e nenas escribiron sobre unha casa escollida por eles. Logo a propia Paula Carballeira nos falou do seu libro, das casas que están detrás dos relatos, e contounos algúns contos. Finalmente, compartimos cea e conversa para despedir a tempada.

– O club de lectura Sete Vidas despediu a tempada o martes 2 de xuño coa visita da autora Mercedes Leobalde, que falou cos lectores e lectoras do seu libro de relatos “Funambulistas”.

– O sábado 8 de xuño, celebrouse a sesión de peche da tempada de Contos en Cueiros cun concerto da Banda dos Cueiros no parque da Coelleira. Ao remate do concerto, fíxoselle un agasallo de despedida aos nenos e nenas nacidos no 2012, a segunda xeración de Contos en Cueiros.

– O martes 16 de xuño, o Lecturas Debuxadas despedía tempada coa visita de Manel Cráneo e a súa obra “Destino Hërgüss”:

– E o mércores 21 de xuño celebramos a última sesión da tempada na Casa da Lectura cunha espectacular montaxe arredor do conto “Sígueme”:

O calendario de actividades pechouse, coma sempre, coa celebración da Fogueira dos Versos na noite de san Xoán. Nesta ocasión, o artista convidado foi Magín Blanco cos seus “Contos en-cantados”.

Bo verán e proveitosas lecturas!

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura