Roteiro por Gondomar no Comando Le

Roteiro2
Este próximo sábado 30 de abril a Biblioteca Municipal de Gondomar acollerá a partir das 20:00h unha nova sesión do Comando Le. Na primeira parte contaremos coa presenza da presidenta de Espazo Lectura e de representantes da Universidade de Vigo, que darán a coñecer cal foi o texto gañador do concurso de relatos sobre igualdade de xénero no que participaron os comandoleiros e comandoleiras dentro do proxecto europeo European teens as readers and creators in gender-positive narratives.

Na segunda parte da sesión, os rapaces e rapazas do Comando Le realizarán un roteiro histórico-literario polo rueiro de Gondomar, que lles permitirá achegarse a figuras como o arquitecto Bar Boo, o Conde de Gondomar, Elduayen ou escritores como Otero Pedrayo, Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Carlos Casares e a súa obra A Galiña Azul. Actuarán como guías deste percorrido algúns membros do Comando Le, así como Concha Costas, profesora do IES Auga da Laxe e expresidenta de Espazo Lectura.

Por último, os comandoleiros e comandoleiras cearán todos xuntos como peche da última sesión da tempada que se celebra en Gondomar, xa que no mes de maio participarán nunha excursión cultural como premio á súa participación no proxecto europeo European teens as readers and creators in gender-positive narratives.

Deixamos a continuación as imaxes da sesión do mes de marzo, na que celebramos o Día da Poesía co espectáculo “RevolucionARTE a versos” de Fran Alonso:

Comando Le 26.03.22