A Portada publicado por

SEMANA DO LIBRO E A LECTURA 2021

SEMANA DO LIBRO E A LECTURA 2021

Espazo Lectura está a preparar a décimo cuarta edición da actividade Dar de ler coma quen dá de beber, a sesión de lecturas en voz alta que celebramos anualmente con motivo da conmemoración do Día do Libro e que se enmarca na Semana do Libro e a Lectura.

Esta actividade consiste nunha lectura colectiva na que, as persoas que o desexen, escollen un texto moi breve dun libro que queiran compartir cos demais.

O acto terá lugar o venres, 23 de abril, o mesmo Día do Libro, cumprindo as medidas sanitarias vixentes, na Praza da Paradela (e no caso de mal tempo no Auditorio Lois Tobío), entre as 19:30 h e as 21:30 h aproximadamente, aínda que non é necesario estar presente durante todo o acto.

Como en ocasións anteriores, gustaríanos reunir arredor de 25 ou 30 persoas nun espazo público para ler. Espazo no que podemos escoitar, compartir e recomendar as lecturas que nos gustan e celebrar así o Día do Libro facendo da lectura un acto de socialización.

A idade mínima para participar é de 14 anos.

👉 Que teño que facer se quero participar?
– Escolle un fragmento dun libro, preferiblemente en lingua galega, cuxa lectura non exceda os 3 minutos (é moi importante cinguirse ao tempo).
– Comunícanos que queres participar enviando un correo electrónico a espazolectura@gmail.com ou chamando ao número 655 553 930 e indícanos o título e o nome do autor ou autora seleccionado.
– Para organizar máis facilmente o acto, dinos tamén se prefires ler entre as 19:30 h e as 20:30 h ou entre as 20:30 h e as 21:30 h. Tentaremos, na medida do posible, aternos a esa elección e evitar en todo caso que haxa cambios con respecto á orde fixada.

Agradecemos a colaboración do Concello de Gondomar e da Concellería de Cultura para a realización das actividades que se enmarcan nesta semana de celebración do libro e a lectura.

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com