Sesión conxunta dos clubs Sete Vidas e Lecturas Debuxadas arredor do escritor austríaco Stefan Zweig

O mércores 14 de novembro os clubs de lectura Sete Vidas (de narrativa) e Lecturas Debuxadas (de cómic) únense nunha sesión conxunta arredor de «Novela da xadrez», de Stefan Zweig, e a súa adaptación a novela gráfica, «El jugador de ajedrez», de David Sala.
«Novela de xadrez», última obra do autor austríaco, transcorre durante unha viaxe en barco na que o campión mundial de axedrez Mirko Czentovič, aparentemente imbatible, atopa un rival nun misterioso pasaxeiro que foxe do terror nazi. A lectura da novela compleméntase coa obra do autor francés, captando á perfección a confusión e a inquietude que transmite a novela.
A sesión terá lugar na Casa da Lectura ás 20:00 horas.

O xoves 4 de outubro celebramos na Casa da Lectura a primeira xuntanza do Sete Vidas desta tempada. A sesión xirou arredor do libro Senlleiras de Antía Yáñez, obra recentemente galardoada co premio Illa Nova da editorial Galaxia, que trata o tema da violencia de xénero en dúas épocas distintas. A coincidencia no axeitado da obra, tanto por forma como por fondo, foi unánime. Na segunda hora, xunto coa autora, pudemos afondar máis na novela, no proceso creativo e nos seus personaxes, sobre todo no total protagonismo das tres mulleres que centran as súas historias.

Na sesión de outubro do Lecturas Debuxadas xuntámonos na librería Libraida para falar de O corpo de Cristo de Bea Lema. Esta BD foi a gañadora do XII Premio Castelao da Deputación da Coruña. Nela cóntase como é a vida dunha familia na que a nai sofre unha enfermidade mental. Narrada desde o punto de vista da filla pequena (a mesma autora), destaca polo aire de relativa normalidade, desdramatizando o día a día, pero sen quitarlle seriedade. A isto axuda o estilo gráfico, lixeiro, limpo e sinxelo, por veces cunha posta en escena orixinal e moi efectiva.
Na segunda parte acompañounos Bea Lema por videoconferencia. Falounos da próxima edición desta obra e da súa carreira como deseñadora e a súa incorporación ao mundo da BD.