Sesión conxunta este mércores do Sete Vidas e Lecturas Debuxadas

Este mércores, 9 de decembro, o Lecturas Debuxadas e o Sete Vidas celebrarán unha sesión conxunta para falar da novela Frankenstein, de Mary Shelley (Aira Editorial) e do cómic Frankenstein, de Junji Ito (ECC).
Será ás 20:00 por videoconferencia.
O mércores 18 de novembro, e tamén por videoconferencia, o Lecturas Debuxadas reuniuse para falar de Grandarroiba, un cómic de Cristian F. Caruncho. Grandarroiba conta a historia de Moncho da Grandarroiba, a dun home cunha infancia dura, cunha mocidade solitaria e a súa evolución a un home sociable e un veciño integrado na comunidade.
Con rapidez e grande axilidade narrativa, Cristian fai avanzar o relato amosando como nas relacións cos outros, os prexuízos, o maltrato, e máis tarde a amabilidade ou o trato cordial afectan non só a personalidade das persoas, senón tamén o xeito de interactuar cos demais, mesmo cos animais. Graficamente, vese a influencia do manga en encadramentos, xestos e caras …; pero o trazo é persoal e ben expresivo. O branco e negro logran contrastes e fermosas páxinas emotivas e evocadoras.
Na segunda hora falamos con Cristian, un autor aínda ben novo pero cunha claridade de ideas e unha determinación moi veteranas. Contounos do seu longo amor polo medio, polo manga, a súa traxectoria desde que empezou cos fancines (con 14 anos!) e de como as obras tan persoais son acollidas na súa aldea de Couzadoiro.
A sesión de novembro do Sete Vidas cancelouse debido á situación sanitaria.