«Todo roto», espectáculo poético-musical este sábado nas Noites Golfas da Casa da Lectura

Espazo Lectura trae a Gondomar o espectáculo poético-musical Todo roto, que terá lugar estes sábado 21 de decembro, ás dez da noite (22 horas) na Casa da Lectura (Nogueira 8, Donas, Gondomar. Enmarcado dentro dunha nova sesión das Noites Golfas (de entrada libre), o espectáculo poético-musical Todo roto, está protagonizado por dous artistas de excepción, o poeta Xelís de Toro e o músico L.A.R. Legido. Ambos os dous xuntan todos os seus anacos rotos: trompeta, xoguetes, voz, cacharrada, batería, movementos, percusión, para construír algo case enteiro que non se pareza demasiado nin á poesía, nin a música, nin á danza.
O mesmo espectáculo celebrarase o xoves 19 na Borriquita de Belem en Santiago de Compostela.

O escritor XELÍS DE TORO publicou o pasado ano The book of invisible bridges/O libro das pontes invisibles na editorial británica Pighog press, en edición bilingüe inglés-galego. O libro acompañábase dunha exposición que forma parte do todo dunha obra multidisciplinar constituída por 30 textos do propio Xelís, trasladados ao inglés por John Rutherford, así como unha colección de distintas obras de arte creadas por 14 artistas internacionales inspiradas nestes textos. O conxunto adquiriu forma de libro + DVD.  Xelís de Toro é escritor e artista multimedia, foi vocalista da banda os Quinindiola, realizou performances multimedia con diversos libros da súa autoría e forma parte do proxecto Laboratoro, que mestura música improvisada, poesía e movemento.

 

O percusionista o L.A.R. LEGIDO é un músico de sólida traxectoria que traballa no terreo da improvisación e da performance. A súa formación está ligada ao Taller de Músicos de Madrid e ao C.E.D.I. (Centro de Encuentro para el Desarrollo de la Improvisación), así como ao Berkelee College of Music de Boston. Está considerado un dos máis destacados investigadores sonoros e é profesor de batería en Santiago de Compostela. Traballou co trío de jazz Sumrra, Marful, o grupo flamenco de Marcos Teira, ADN, S.E.M Big Band, Mercedes Peón, Abe Rábade Trío ou Xosé Manuel Budiño.