A Portada publicado por

«Un océano de amor», de Wilfrid Lupano e Grégory Panaccione, no Lecturas Debuxadas de marzo

«Un océano de amor», de Wilfrid Lupano e Grégory Panaccione, no Lecturas Debuxadas de marzo

O martes día 15 de marzo celébrase a sesión mensual do club de cómic Lecturas Debuxadas, na que comentaremos Un océano de amor (Reservoir Books), de Wilfrid Lupano e Grégory Panaccione, gañadora do premio Fnac Francia 2015. Unha historia de aventuras con transfondo social que nos sitúa na confrontación entre a tradición e os novos tempos. Será na Biblioteca Municipal de Gondomar a partir das 20:00 horas.

No Club Lecturas Debuxadas de febreiro falamos de Muuh! No prado das vacas, de Troubs (Jean-Marc Troubet), unha BD orixinal, que se presenta desde o primeiro momento como un proxecto moi persoal do seu debuxante e tamén guionista. Grazas a contar coa presenza de Rosa Espiñeira (tradutora e editora en galego e castelán), soubemos que a paisaxe, a casa e todo o ambiente do cómic son realmente os que rodean a Troubs no seu día a día. A obra presenta, máis que unha historia, un feixe de reflexións reais e  imaxinadas dun debuxante e dun grupo de vacas. Amosa así un retrato dos ambientes, da tranquilidade dos animais, do relaxado paso do tempo e da interacción entre todos os presentes nas páxinas, debuxadas en dous estilos claramente distintos, nun bonito xogo de trazos e texturas. Como nos confesou a editora, un cómic de e para os amantes das vacas, das nubes e da tranquilidade. O autor foi tan amable como para, cando soubo que iamos comentar a súa obra, mandarnos unas liñas sobre ela:
Para o campesiño sempre foi moi complicado ter vacas sendo o dono delas, sempre máis controis veterinarios, sempre máis gastos de seguro, sempre máis competencia cos novos mercados e prezos sempre máis baixos cando precisan de vendelas no matadoiro. O campesiño gardounas tanto tempo como puido, amábaas, era o seu único traballo ao longo da súa vida, como o do seu pai, o do seu avó… E despois chégalle o seu retiro e como non tiña a ninguén detrás, as vacas desapareceron. Na aldea había entón 4 ou 5 mandas como esta da que estamos a falar, hoxe non queda ningunha… Este libro é a testemuña dunha época que semella perdida, mais cando eu a escribín e debuxei, non tiña consciencia disto. As vacas eran parte da miña vida, así de simple, e posto que o seu prado arrodeaba a miña casa, eu tiña máis a impresión de vivir eu na casa delas, ca elas na miña. A fin de contas formabamos parte da mesma manda.
Este libro conta esta experiencia, fundamental para min, chegado da cidade, instalábame no campo. Este libro poderíase chamar: “Como cheguei a ser vaca”. Porque eu creo verdadeiramente ser un pouco vaca, modestamente, que me volvín un pouco vaca. E eu espero, agora que as vacas desapareceron do noso prado, mais non da miña vida, que eu ficarei por sempre “vaca”… unha especie de ruminante celeste.
Texto: Troubs, traducido do francés ao galego por Rosa Espiñeira Pan
Estas son as imaxes dese día:

Facebook Twitter Digg Email

Espazo Lectura