Urco Editora, novo socio protector de Espazo Lectura

A piques de iniciar unha nova tempada de actividades, dende Espazo Lectura damos a benvida e agradecemos a súa colaboración e compromiso co noso proxecto de dinamización lectora a Urco Editora, que se incorpora como socio protector da asociación.
Urco editora é unha empresa editorial nacida en 2007 e especializada na publicación sistemática de literatura de fantasía, ciencia ficción e terror. Co tempo, foi abranguendo outros ámbitos como o do ensaio, a literatura infanto-xuvenil ou os xogos de mesa.

Os socios protectores de Espazo Lectura son, segundo os propios estatutos da organización, “aquelas persoas físicas ou xurídicas que, a xuízo da Xunta Directiva, contribúen materialmente e de forma notable ao sostemento da asociación”. Urco Editora súmase así a outras editoriais que xa forman parte de Espazo Lectura. Deste xeito, entre editoras, empresas culturais e centros de ensino, Espazo Lectura suma xa 33 socios protectores aos que a asociación lles quere expresar o agradecemento polo seu apoio.