A Portada publicado por

Uxía con “Rosalía Pequeniña” e o músico Luís Prego abren o programa da VII Semana do Libro e a Lectura

Uxía con “Rosalía Pequeniña” e o músico Luís Prego abren o programa da VII Semana do Libro e a Lectura

350 nenos e nenas celebran o Día do Libro con Espazo Lectura

350 nenos e nenas de Educación Infantil e 1º ciclo de Ed. Primaria de sete colexios da comarca do Val Miñor celebran o Día do Libro en Gondomar con contos e música nunha programación organizada por Espazo Lectura, coa colaboración das Concellerías de Cultura e Educación do Concello de Gondomar. Os nenos e nenas, acompañados polo seu profesorado, asistirán a dous espectáculos, un concerto e un contacontos, que xiran arredor da música e da palabra, organizados en dous pases (10:30h e 12:15h) e dúas quendas que lles permitirán a todos gozar dunha mañá diferente da man da poesía, a música e os contos.

Por unha banda, as cativas e cativos achegaranse ao auditorio Lois Tobío para asistir ao concerto do libro-disco Rosalía pequeniña, coa cantante Uxía, un proxecto musical para cantar, para rir e para bailar, para achegar os máis pequenos á poesía de Rosalía de Castro. Por outra banda, visitarán a Biblioteca Municipal de Gondomar, onde poderán asistir ao contacontos Frederick e Honorato, dous poetas e un rato, da man de Fátima Granja e Irene Silva, integrantes do equipo de dinamización lectora de Espazo Lectura.

Con esta actividade, Espazo Lectura, coa colaboración do Concello de Gondomar, ofrécelles aos colexios da zona a oportunidade de celebrar xuntos o Día do Libro, na liña doutras iniciativas de anos anteriores como Contos na Coelleira, a actividade que no 2013 xa reunira a 350 nenos e nenas e os seu profesorado para compartir lecturas no Parque da Coelleira. Neste 2014, os colexios que participan nesta actividade conxunta do Día do Libro son o CEIP Chano Piñeiro, o CEIP Souto-Donas, o CEP Neira Vilas de Peitieiros, o CEIP Serra-Vincios, o CRA Antía Cal, o CEIP Carlos casares de Vilariño e o CEIP de Belesar.

porrosa

 

Celebramos o Día do Libro tamén na Casa da Lectura

A Casa da Lectura acollerá o mércores 23 de abril ás 18:00h unha sesión especial de dinamización para celebrar o Día do Libro. Nesta ocasión o protagonista será Luís Prego, investigador, mestre e divulgador da música e do baile tradicionais galegos, que, da man do seu libro Para cantar e bailar, ofrecerá un obradoiro de xogos musicais, bailes e cancións que nos achegarán á nosa rica literatura de tradición oral, piar fundamental da nosa cultura tradicional. Para cantar e bailar é un libro-CD ilustrado por Serxio Cobos e editado por Edicións do Cumio, no que Luís Prego recompila e transcribe unha grande cantidade de xogos e divertimentos musicais aos que poderán achegarse todas as persoas que se animen a participar nesta sesión especial de dinamización da Casa da Lectura.
lib_594

 

Facebook Twitter Digg Email
1

Espazo Lectura