Volve o Comando Le!

O sábado 27 de outubro, de 20:00h a 22:30h, a Casa da Lectura acollerá a primeira sesión da tempada do Comando Le, o grupo de activismo cultural de Espazo Lectura para mozos e mozas de máis de 12 anos. No Comando Le, que se reúne habitualmente o último sábado de cada mes, achegámonos a diferentes temas a través do cine, a música, as conversas, as excursións, a amizade e, por suposto, a lectura.

 
Nesta primeira sesión presentarémoslles a actividade aos rapaces e rapazas que veñan por primeira vez, faremos algúns xogos de presentación para que se coñezan e comentarémoslles cales son as nosas propostas para as próximas sesións. Ademais, como vén sendo habitual, cearemos todos xuntos, polo que as persoas que asistan deben levar algo, doce ou salgado, para compartir.

Iníciase así unha nova tempada que rematará, como é habitual, a finais de maio. Na seguinte ligazón pódense ver as fotos da sesión de peche da tempada 2017-2018, cunha saída cultural que nos levou ata Celanova e Allariz. En Celanova, da man da Fundación Curros Enríquez, os comandoleiros e comandoleiras fixeron un roteiro literario pola vila, acompañado da lectura de diferentes poemas de Celso Emilio Ferreiro e de Curros Enríquez. Despois de xantar, desprazáronse ata Allariz onde participaron por equipos nun xogo de pistas pola vila e remataron a xornada cunha visita ao Festival Internacional de Xardíns.


Comando Le 09/06/2018
 

Así que, xa sabedes, esperámosvos o sábado 27 de outubro ás 20:00h na Casa da Lectura. Por se vos queda algunha dúbida, deixámosvos aquí este vídeo elaborado por un grupo de ex-comandoleiras: